O 24 de outubro é, desde hai 20 anos, o Día da Biblioteca, pois van xa dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. Nesta ocasión foron dúas mulleres da "periferia", a ilustradora vasca Elena Odriozola e a escritora galega Ledicia Costas, as encargadas de darlle fondo e forma e esta mensaxe a prol da existencia das bibliotecas.
Fermosísimo é o texto de Ledicia Costas, Premio dos Clubs de Lectura 2016, que nos facilita GALIX na súa orixinal versión en galego e do que entresacamos un parágrafo:
"Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día da Biblioteca. Sería xenial organizar unha festa con confeti e pompas de xabón. Celebrala ao grande. Encantaríame vestirme para tal ocasión como o personaxe dalgún libro, sentarme na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo e esperar a que fosen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda, Atreyu, Drácula ou mesmo Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñerte botas de pelo, plumas, zancos e chapeus. Chapeus! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, atraída polas cores e formas do meu chapeu:-- Sombreireira tola, que festa máis marabillosa! Sería tan amable de servirme unha cunca de té?"
No hay comentarios:
Publicar un comentario