"Biblioteca escolar - Territorio das Artes" é o lema escollido
para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria edita a comezo do curso 2016/2017 con destino ás
bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. Nesta ocasión foi
MINIA REGOS a creadora convidada a interpretar o lema anual.
A imaxe creada por
Minia Regos
garda moitas sorpresas para as lectoras e os lectores; propón un xogo
de exploración e aventura por este "territorio" complexo e engaiolante
que é toda biblioteca escolar.
Nos últimos anos, as bibliotecas escolares demostraron que é posible
integrar as ciencias e as humanidades nas actividades de lectura e de
acceso e construción do coñecemento. Os materiais de divulgación
científica, os xogos matemáticos, a xeografía ou as aventuras da
exploración física ou simbólica foron temática de traballo e son xa
parte esencial das programacións e dos proxectos coordinados desde as
bibliotecas. Cómpre agora facer visible esa parte do coñecemento humano
que conecta directamente coa creatividade: as Artes todas teñen cabida
na biblioteca escolar e así o demostran as múltiples actividades
programadas anualmente con está temática.
Biblioteca escolar, territorio das Artes convida a
explorar fórmulas para espertar nos lectores e nas lectoras o interese
por achegarse e apreciar os produtos artísticos, pero sobre todo a
experimentar o pracer de expresarse a través da música, a pintura, a
arquitectura, a danza, o teatro, a literatura, a escultura, as artes visuais (cine, cómic, fotografía, videocreacións, videoxogos).
No hay comentarios:
Publicar un comentario